Tras un ano 2008 no que se centrou máis
na aprendizaxe e creación en soporte audiovisual, no 2009 decide volver dirixir
e elixe para facelo un texto propio sobre o que configurar un grupo de traballo
totalmente renovado: Memoria de Ut. A
partir de aí é responsable (director e autor) de toda a actividade de TNA (Divertimento, Cinza, formación), do TIT e de UT·Tópico Teatro (Baile de Sombras e os proxectos actuais:
Faust·Box e Ulrike desafinada) ata a actualidade.
Manu Lestón chega a Teatro no Aramio no ano 2009. Daquela está a remata-los estudos
de enfermaría na Universidade de Santiago de Compostela e entra na compañía coa
intención de comezar a facer interpretación dentro da dinámica do teatro
universitario. Participa na montaxe de Memoria de Ut, tendo moi boa
acollida o seu traballo. Pouco despois pasa a ser parte do grupo inicial do
TIT. Tras un parón por motivos profesionais a finais do ano 2010 retoma a
actividade dentro da compañía traballando como actriz en Baile de sombras e sendo
partícipe da conseguinte aparición de UT·Tópico Teatro. Parte activa do
proxecto dende entón traballa actualmente como actriz na montaxe de Ulrike
desafinada.
Noelia Iglesias é licenciada en filoloxía Hispánica e bolseira de terceiro ciclo na
Universidade de Santiago de Compostela. Forma parte do grupo de estudo de
Calderón de la Barca e actualmente está a traballar na súa tese doutoral sobre
unha obra deste autor. Ó igual que Manu chega ó Aramio para Memoria
de Ut participando dende entón activamente na compañía. Participa como
actriz na montaxe de Divertimento, tamén baixo a
dirección de Fran Godón e coincide, asemade, en ser compoñente inicial do TIT e
de UT·Tópico Teatro. Comparte escena con Manu en Baile de Sombras e asume cargo dentro da xunta directiva da compañía.
Fernando Veiga. É, despois de Fran, o membro máis veterano dos que hoxe
forman a compañía. Traballou como actor nas seguintes montaxes de Teatro no
Aramio: Os cans calaban (2006), A última balada (2007), Minifundiolandia
(2008) e Memoria de Ut (2009), recibindo por esta última o recoñecemento
a mellor actor na X Mostra de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela.
Non participou activamente nos seguintes traballos da compañía por motivos
profesionais e formativos que o levaron a vivir no estranxeiro durante ese
período. A pesar diso segue a ser membro activo da compañía e socio fundador da
asociación
Toni Salgado dedícase
á interpretación dende que no 2000 entrou a formar parte da Aula de Teatro da USC, onde cursaba a carreira de Maxisterio. Está
nela cinco anos e participa como
intérprete en tódalas montaxes dese período coincidindo con Fran e Natalia na montaxe de Hamlet. No 2005 salta ó profesionalismo e
comeza a traballar para a compañía Factoría Teatro. Participa ata en seis
espectáculos da mesma durante os anos seguintes ó tempo que continúa
completando a súa formación teatral.
No ano 2007 é seleccionado para participar no
espectáculo O regreso ó deserto (B.
M. Koltès) do Centro Dramático Galego e na temporada seguinte fará o propio en A boa persoa de Sezuan (B. Brecht),
tamén da compañía institucional. Colabora con outras compañías e traballa tamén
en longametraxes de ficción: Doentes;
curtametraxes: Carapuchiña e o pobo
feroz, You are not thinking of me, A
escuridade foi varrida da terra, etc.;
series de televisión: Pratos combinados, Piratas e TV Movies: Mar
libre. Actualmente é alumno da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia
na especialidade de Dirección.
Natalia
D. Maside inicia os seus
pasos como actriz na Aula de Teatro do campus universitario de Lugo en 1999
mentres cursa estudos de Enxeñaría. Traballará, entre outros, en montaxes de Máquina Hamlet de Müller ou Fin de partida de Becket. Posteriormente
pasa a ser parte da compañía Caleac Teatro, onde figura como actriz durante
cinco anos e representando sempre obras orixinais. No ano 2004, prosegue a súa
formación pasando tamén pola Aula de Teatro da USC, onde coincide con Fran e
Toni. Actualmente compaxina o traballo administrativo na propia universidade coa
súa faceta teatral. Incorpórase á compañía na axudantía de
dirección de Faust·Box ó tempo que defende tamén un papel na montaxe Ulrike desafinada.