T I T



T.I.T. son as siglas do Taller de Investigación Teatral (e Formación Dramática). O obxectivo desta iniciativa foi establecer un lugar de confluencia para o traballo continuo dentro do eido teatral. Non se trata pois dun traballo puntual senón dunha entidade permanente. Dada, ademais, a formación variada dos compoñentes, as liñas potenciais de orientación son diversas: dende as máis propiamente filolóxicas e ligadas ó texto  ata as de creación audiovisual, pasando polo traballo plástico ou o máis puramente pragmático de teoría teatral, deseño escénico e creación dramática. O uso da palabra taller responde a que a idea principal é a de establecer un lugar físico de traballo interdisciplinar, incluído o traballo manual preciso no deseño, elaboración de escenografía metálica ou téxtil, traballo eléctrico, etc...  

O proxecto centrou o seu primeiro ano en varios conceptos propostos por Fran Godón dentro do chamado proxecto Caixa. En primeiro lugar procurouse un traballo cos actores e actrices para a potenciación física e de recursos técnicos mínimos para acadaren posteriormente os obxectivos prefixados. A continuación profundouse nunha serie de ideas que xa xustificaran a montaxe de Memoria de Ut: o principio de dramación como proceso dramático creativo (ou de creación dramática) e o concepto de teatro precario ou teatro desprovisto como concepción artística derivada en certa medida do “teatro pobre” de Grotowski (mesturándose con influencias doutros como Artaud ou Meyerhold) pero coas súas propias características intrínsecas. Todo condicionado pola propia realidade da teatralidade galega e o xogo que xera o esperpento. Un filtro, este último, reinterpretado e xogado ó que nin director nin compañía poden renunciar como característica propia da súa concepción artística.  Non se inventa nada pero é unha escolla de pautas creativas e a súa modificación e aplicación na busca dun modelo práctico de creación e de codificación teatral propios.

No 2011 créase Ut·Tópico Teatro, o resultado lóxico da parte máis experimentadora do TIT (e de Teatro no Aramio).